viernes, 20 de mayo de 2011

noite fin de campaña

Comezamos cun perfil que fai tempo desexábamos pendurar,hoxe é o día de coñecer ao numero 1 da , Paco Fumega. Pero, coma sempre, imonos a sair do guión establecido, e non vai ser el quen nos fale do si mesmo, senon que imos ser os demais compañeiros de lista os que falemos das impresions que obtivemos del ao longo da campaña:
Rita Francisco: "unha persoa xenerosa, que pensa sempre nos demais"
Remi Castro: "yo por mi Paco ma-to"
Toni Mateo: "un home positivo"
Erika Paz:"observador, estratega e sabe facer equipo e mantelo unido"
Carlos Montes: "é o futuro"
Adolfo Nogueira: "o mellor que lle pode pasar ao Carballiño"
Maria Jose Perez: "o home entrañable que precisamos"
En resumo,un home en quen confiar, un bo home
Vémonos o luns !

jueves, 19 de mayo de 2011

QUEREMOS QUE NOS COÑEZAS (9)

Hoxe queremos que coñezades o perfil do noso número 2, MANOLO DACAL, o penúltimo candidato que imos coñecer de preto nesta listaxe ascendente que comezamos xa fai un tempiño neste blogue.

Dicir, antes de deixarvos coa súa auto-presentación, que  Manolo Dacal ; aínda que é unha persoa ben coñecida por tod@s vós no Carballiño, sorprende pola súa simpatía e enerxía desbordantes.

Así se presenta o noso compañeiro:

"Nacín nunha pequena aldea do interior de Galicia pertencente ao Concello de Piñor (Paredes-A Devesa), pero trasladeime a vivir ao Carballiño aos oito anos; levo na vila da cal me considero un carballiñés máis, uns 43 anos.
Estou casado e teño dúas filllas de 28 e 24 anos, respectivamente.
Considérome unha persoa partícipe na maioría das actividades da nosa vila  e ao mesmo tempo emprendéndoas; dirixín algún clube deportivo en categoría Nacional e , considérome un asiduo a calqueira actividade deportiva.

A miña vida transcorre nun ámbito familiar e local, encántame o día a día cos meus veciños, atender as súas inquedanzas e botar a partida de dominó ou subastado.
Fai catro anos, lanceime á vida política da vila , foi unha experiencia da que me sinto orguioso e defendín as Concellerías de Deporte, Comercio e Turismo.

Decido seguir nestes catro anos vindeiros e poñer a disposición dos meus compañeir@s e veciñ@s da vila os meus sinxelos coñecementos. Axudar no posible e, como non, seguir aprendendo.

Unha aperta."


miércoles, 18 de mayo de 2011

MITIN CENTRAL NO CARBALLIÑO

Antonte foi un día crucial no devir desta campaña, celebramos o noso mitin central no Auditorio do Carballiño. Estivemos acompañados polo Ministro de Xustiza, Francisco Caamaño e polo Secretario Xeral do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez. Sentímonos moi arroupados pola cantidade de xente que nos acompañou e que deixou pequeno o Multifuncional.

Foi un mitin moi emotivo, no que se falou do futuro , de ilusión e de novos proxectos de traballo para o noso concello. Abriu as intervencións, o Acalde do Carballiño, Carlos Montes; que destacou a transparencia e o consenso á hora de formar a nova candidatura, resaltando a preparación, a mistura de xuventude e experiencia e as nosas gañas de traballar por e para o Carballiño. Montes, entregou con ilusión o relevo do traballo levado a cabo durante 16 anos nesta noso municipio, para que lle poidamos dar continuidade e iniciar novas andainas para mellorar, aínda máis se cabe, o Carballiño.

Pola súa parte, o Ministro Caamaño, reafirmou a súa confianza en Paco Fumega como próximo alcalde e destacou a súa capacidade de compromiso, asegurando que nos vindeiros anos seguiremos progresando coma un dos concellos máis emprendedores e referentes da provincia de Ourense. Francisco Caamaño, non esqueceu mencionar a desidía que estamos a vivir por parte da Xunta actual e a súa falta de compromiso para cos nosos problemas e necesidades.

O Secretario Xeral, Pachi Vázquez, foi moi crítico, asemade, cos populares ourensáns e a súa actitude ante as propostas que poden levar á provincia a unha situación mellor. Lembrou as trabas que están a por ante os proxectos progresistas como a mellora das comunicacións, o fomento do emprego , a promoción turística e aposta polos emprendedores en Ourense. Así mesmo, destacou a calidade profesional e humana de Paco Fumega, que quedou amplamente demostrada na súa implicación continua na creación de proxectos e iniciativas para o Carballiño. Entre eles, podemos destacar os diferentes proxectos das distintas escolas-taller e obradoiros de emprego: Muíños, Fábrica do Papel, Bañiño de Arcos e diferentes prazas e rúas da vila. O Secretario Xeral , racalcou neste compromiso que tivo co Carballiño, traballando man a man e aportando os seus recursos profesionais.

Pechou as intervencións, o noso candidato, Paco Fumega , demostrando o seu coñecemento das problemáticas actuais dentro do noso concello, como gran coñecedor que é da nosa historia máis recente e as solucións necesarias para abordar a saída das mesmas. Incidiu nos aspectos fundamentais do seu programa que é traballar polo emprego , eido ben coñecido polo candidato, xa que leva anos xestionando este tipo de medidas. A ampliación do chan industrial , a diversificación do noso tecido industrial e a súa incidencia no emprego, será o eixo fundamental desta lexislatura.




domingo, 15 de mayo de 2011

QUEREMOS QUE NOS COÑEZAS (8)

Na tarde de hoxe quero que coñezades á número 3 da nosa lista electoral, María José Pérez, seguramente unha das compañeiras máis coñecidas por todos vós xa que leva 4 anos sendo concelleira  no Carballiño; posiblemente coñezades o seu lado máis profesional pero hoxe , queremos que a coñezades no plano persoal, onde teño que dicir que destaca pola súa amabilidade e cercanía, ademais de aportar unha importante experiencia ao noso proxecto.

Aquí deixamos as súas verbas:

"O Carballiño é o meu lugar no mundo, aquí transcorreron episodios
fundamentais na miña vida que definiron o meu carácter e a miña
maneira  de ser.


Aquí nacín,son a maior de 5 irmáns, e isto ensinoume a compartir todo o que teño.

A enfermería é a miña profesión, nela aprendín que o que necesitamos as persoas é que nos escoiten e nos animen nos momentos difíciles.

No tema persoal, son unha persoa moi tímida. Encántame  compartir a miña vida, xa desde fai 30 anos, co meu marido e os meus fillos, eles son o meu refuxio. Gústame bailar, escoitar música, pasear é ir ao cine.

A miña actividade política comeza en Piñor, concello onde desempeñei o meu traballo como enfermeira durante vinte anos, nos cales coñecín a marabillosa xente do noso medio rural, que me conquistou para sempre. Loitamos arreo para conseguir a alcadía, pero neses momentos dinme conta de que a miña labor como profesional facía que me recibisen en todas as casas cos brazos abertos (me votasen ou non)

En Piñor fun a primeira muller concelleira, paseí catro anos na oposición e catro anos máis facendo labores de goberno no campo dos servizos sociais no que traballamos con toda as nosas forzas para mellorar a calidade de vida dos veciños.

Despois deste inicio do que gardo vínculos persoais de amizade, que sei que van a perdurar durante toda a vida, iniciei fai catro anos, a andaina politica na miña vila. Entendín que debía arrimar o hombro e axudar aos compañeiros para seguir transformando O Carballiño (vías de comunicación, arranxo de prazas, paseo no río, mellora de iluminación, saneamento integral dos ríos,melloras sociais e educativas.…) . Esta foi unha decisión difícil para min, e ao mesmo tempo moi ilusionante,  na pasada lexislatura traballei nas áreas de medio ambiente e servizos públicos, tratando sempre de escoitar os problemas dos veciños e loitando, día a día, para tratar de resolvelos.

O que me motiva é mellorar a vida dos nosos veciños. Pola miña forma de ser, vivo a vida tratando de facer que a xente sexa máis feliz, gústame estar ao servizo dos demais, e este é o meu principal obxetivo de traballo como concelleira.

Animo a todas as mulleres que participen en política, e ás persoas en xeral, xa que a política é a fórmula que temos para xestionar as cousas que son de todos, e nesto, as mulleres, temos moito que dicir.

A min gústame que gobernen a miña vila persoas que saiban facer que todos teñamos os mesmos dereitos, que todos sexamos máis iguais e esto conséguese só con medidas sociais (educación,sanidade,dependencia) de calidade.

Paco Fumega ten, para min, ese perfil de persoa. Gobernará pensando en tod@s, é cercano, solidario, humano, bo xestor e moi listo. Espero que co voso voto fagades posible que sexa o noso alcalde. Eu estarei encantada de traballar, para todos vós, ao seu carón"




sábado, 14 de mayo de 2011

DÍA DA MULLER E DA IGUALDADE

Na tarde de hoxe, aí polas 17h, tivemos unha xuntanza cun numeroso grupo de mulleres e homes , representativ@s da meirande parte dos colectivos do noso municipio, para departir arredor dun tema esencial do noso programa como é a defensa da igualdade en todos os eidos da vida cotiá. Contamos coa presenza da Directora Xeral do Instituto da Muller, Laura Seara, moi vencellada co Carballiño.

Foi un debate moi interesante no que se tocaron os aspectos máis significativos en torno a este tema. Laura Seara e Paco Fumega, nas súas exposicións, deixaron claro a necesidade de acadar a igualdade real, nos salarios, emprego, vida familiar...., non só como medio para acadar unha maior xustiza social se non como unha necesidade efectiva do conxunto da sociedade para acadar a eficiencia económica e social como método de progreso. De feito, está amplamente demostrado, que as sociedades máis desenvolvidas, son asi mesmo , as máis igualitarias.

Así mesmo, o candidato socialista á alcaldía do Carballiño, Paco Fumega,  pediu o compromiso de Laura Seara para por en marcha un proxecto de creación de emprego para as mulleres da comarca, fundamentalmente aquelas que están en risco de exclusión.

A Directora Xeral do Instituto da Muller, asumiu o reto do noso candidato e anunciou o seu compromiso para levar adiante esta iniciativa. Durante a súa intervención, lamentou que o Goberno de Galicia opte por unha lei regresiva que relegue ás mulleres ao ámbito domestico, Laura Seara, considera que é unha volta ao pasado e que non ten nada que ver con todo aquelo polo que se está a traballar dende o Goberno central , o que se traballou no goberno progresista da Xunta (2005-2009) ou nos países máis avanzados.

Seara afirmou que  seguirá traballando pola igualdade e manifestou o seu apoio ás propostas sobre Muller, igualdade e conciliación da vida familiar que quere levar adiante a nosa equipa.







miércoles, 11 de mayo de 2011

QUEREMOS QUE NOS COÑEZAS (7)

E chegou a hora na que a que se ten que aprensentar é unha servidora.

Chegado o momento, non atopei as verbas nin a inspiración pra falar de min propia e ademais , parecíame un exceso de egocentrismo ao tratarse do blog co meu nome; polo que decidín que llo ía pedir a un bon amigo, coa idea , así mesmo, de que desta maneira , se xerara maior dinamismo nestas actualizacións diarias.

Así pois , hoxe atopeime ,con estas lindas palabras, de todo inmerecidas pero escritas con toda a mellor vontade por unha persoa que ben me coñece dende fai tempo........

Con toda sinceridade vos digo que me asolaga a vergonza, pero é tan belo o escrito que non merece ficar no caixón.



"Iolanda Otero Barroso é unha  rapaza que merece que fiques a escoitala un chisco. Unha primeira distancia que marca, que non timidez, quizaves poida golpearte, pero si segues veras que é froito de esa manobra tan nosa, galega, e tan intelixente, por veces, “Gardarnos” O que facemos, un a un, o noso pobo.  
Ao pouco, se é que ve que es verdadeiro, xa abrirá os ollos e romperá a falar e non minto se digo, que nunca lle oin unha verba que non fora verdade. 
Galega, “conditio sine quanum”, tan natural nela coma a conciencia do propio común, do que nos fai común cos outros, con todos nós coma consciente da súa situación e necesidade de supervivencia, pola pervivencia  propia. Unha galeguista nidia, loaira (coma o ceo gris despois do trebón, ise Sol veloz tra-las nebras).  
Nunca lle oin unha verba non nosa e sei que fala  idiomas. 
Nunca lle oin faltar a nadie, e non hai igualdade sen respeto ao outro. 
Nunca lle vin  deixar de axudar a nadie, e socialismo é solidaridade, entre carballiñeses, entre galegos, entre todos os que necesiten unha mao, sen preguntas, estean donde estean, onde foron levados. 
Independente. Isto fai que non se ligue a seguidismos nin dogmas de claquer crás, sen sentir a vertixe da soia lealtade a verdade,  xa que é unha cidadán exemplar e activa, unha filla e muller de familia, que non perdeu un día de volver a O Carballiño se pode ver a vila e familia, sangue e terra. 
Unha de nós, dos bós. 
Quizaves, importante tamén, posue a formación necesaria (quen lle dera algún/algúa que nos ten su-lo pé) para poder sacar a O Carballiño, xunto con Paco Fumega e todo o equipo e a lista, que vale mais un cidadán que tódolos caporais do mundo, adiante nesta nova etapa, que despois da dor da crise e non só, destes últimos anos, merece O Carballiño. 
Deixen facer a quen sabe coñece e aposta pola vila de O Carballiño e calquer vila, Ourense e a Galicia toda, ise vento que limpe, que non manque, que axude a outra rogada de carballiñeses tirar adiante, hoxe e sempre, porque sen medo de nada, sen medo da nada, non hai derrota. A derrota nun galego digno non existe, é a paciencia. O futuro é so un sitio des´donde mirar para o hoxeDeiquí quizaves a baza que rompa o xogo a prol de Iolanda, i os seus, todo o seu equipo, i e que, están cargados de futuro. Hoxe a mocidade no Carballiño, xa nin emigra nin marcha, polos seus, van, adiante."


lunes, 9 de mayo de 2011

PRESENTACIÓN DO PROGRAMA EN ROLDA DE PRENSA

Na mañá de hoxe, Paco Fumega mais nós, os membros da súa candidatura; convocamos aos medios para presentar o noso programa de forma oficial e destacar algúns dos puntos máis importantes que fundamentan as bases dos nosos proxectos para o Carballiño.

Na nosa exposición , deixamos claro a nosa aposta por unha xestión municipal rigorosa, igualitaria e austera na que terán unha grande importancia , a participación da cidadanía na toma de decisións e na responsabilidade compartida. Para esto, propomos a elaboración de orzamentos axustados aos ingresos e ao control do teito do gasto, asi coma impulsar os orzamentos participativos que fomenten a implicación dos veciñ@s na toma de decisións á hora de establecer as prioridades do investimento municipal.

O noso candidato á alcaldía, anunciou a posta en marcha dunha oficina de control orzamentario que permita facer un seguimento trimestral da execucción do orzamento e das obras de investimento. Asi coma , tamén, a creación dun sistema de control dos servizos municipais baseado nos cidadáns. Asi, salientamos que queremos un concello moderno e eficiente , ao servizo dos cidadáns, suministrador de servizos públicos de calidade , que se concretiza na creación dunha concellaría específica de participación cidadá e da carpeta cidadá , que permitirá obter os trámites que soemos facer no noso concello, dende a casa ; axilizando así as cuestións administrativas  e modernizando os servizos mediante o acceso telemático aos mesmos.

Noutro eido de cousas, pero sempre xirando en torno a unha maior participación que incardine toda a xestión municipal; fíxose unha aposta clara polo desenvolvemento local, baseando este na promoción activa do emprego local , mediante a implementación de plans que se centren na dinamización económica. Ao redor destas propostas, anunciamos a creación dunha Axencia de desenvolvemento económico e cooperación comarcal e un Centro de captación de empresas e fondos europeos, asi coma outros diversos programas de fomento do emprego, axuda a emprendedores, ......

Por suposto, destacamos a importancia que ten o turismo , sostible e de calidade, á hora de dinamizar a nosa economía e como maneira de potenciar unha marca de calidade do Carballiño, que forme parte dunha oferta diversa e integral que amplie a capacidade de atracción do noso municipio.Prestarémoslle especial atención á publicitación e ofrecemento de paquetes concretos que xiren en torno ao dos eixos básicos que van a difundir esta marca propia: gastronomía, patrimonio (como posta en valor e de recuperación do mesmo), riqueza ambiental e , por suposto, termal.

Finalmente, recalcar que non nos imos a esquecer de programas tan importantes coma a xuventude (onde fixemos un bo traballo de interlocución), muller e conciliación,  deporte,  maiores, discapacitados e , por suposto, do medio ambiente e do noso mundo cultural; reforzando, ampliando e potenciando as medidas destinadas á mellora de cada unha destas áreas.

Deíxovos aquí unhas fotos da rolda de prensa de hoxe:






De esquerda a dereita: Toni Mateo, Adolfo Nogueira, Iolanda Otero Barroso, Paco Fumega, Manolo Dacal, Remi Castro e Rita Francisco.